Tuesday 16 de April de 2024

Botan a andar as mesas sectoriais de participación no proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal


12 colectivos do tecido económico e produtivo reuníronse onte en Cariño coñecer máis en detalle a iniciativa e ver de que maneira poden sumarse a ela

A semana que vén desenvolveranse xuntanzas en Moeche, Valdoviño e Cedeira con entidades veciñais, deportivas, ambientais e socioculturais

O auditorio municipal de Cariño acolleu onte xoves a xuntanza da primeira das mesas sectoriais coas que se pretende impulsar o Foro de Participación Local do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. A finalidade do foro é ser punto de encontro de todos os colectivos do territorio, de cara a que acheguen ideas, colaboren entre si e contribúan coa súa iniciativa e implicación activa a fortalecer o proxecto.

No encontro participaron 12 entidades do tecido económico e empresarial dos sete concellos promotores co obxectivo de repasar con elas que é un Global Geopark e de que maneira podería axudar a dinamizar a comarca a obtención dese distintivo da UNESCO.

A xuntanza tamén serviu para intercambiar impresións sobre como artellar o funcionamento do Foro de Participación Local, co obxectivo de acadar a máxima implicación social nun proxecto que debe construírse de abaixo arriba e outorgándolle poder de decisión á poboación.

Ao longo da semana que vén desenvolveranse outras tres mesas sectoriais de traballo, todas elas a partir das 17:30h: o martes 5 no CC Francisco Piñeiro de Moeche (asociacións veciñais, ANPA’s, etc.), o mércores 6 na Casa da Cultura de Valdoviño (entidades ambientais, de lecer e clubes deportivos) e o xoves 7 na Sala Áncora da Praza Roxa de Cedeira (colectivos culturais, de defensa do patrimonio, gastronómicos, musicais…). Ademais, tralas vacacións da Semana Santa tamén se convocará aos centros de ensino dos sete municipios a un encontro que terá lugar en Ortigueira.

Desde a Asociación para a xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal -integrada por Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño- insístese no carácter sectorial das mesas, que están abertas á participación de entidades de todo o territorio do proxecto e non só ás dos concellos onde se celebran.

Na web da iniciativa hai máis información e tamén o formulario de inscrición para os colectivos que queiran sumarse aos encotros da semana que entra. https://bit.ly/3uOk2C8